Condicións de servizo adicionais de Google One
Última modificación: 11 de novembro de 2025 |Para usar Google One, debes aceptar (1) as Condicións de servizo de Google e (2) estas condicións de servizo adicionais de Google One ("Condicións adicionais"). Os termos que non se recollan nas Condicións adicionais terán o significado que se lles outorgue nas Condicións de servizo de Google.
Le atentamente estes documentos. Referirémonos a ambos os dous xuntos como "Condicións". Neles establécese o que podes esperar de nós cando usas os nosos servizos e o que nós esperamos de ti.
Tamén che recomendamos que leas a Política de privacidade para entender mellor como podes actualizar, xestionar, exportar e eliminar a túa información.
1. O noso servizo
Google One ofrece plans de subscrición con almacenamento de pago que se comparte entre Gmail, Google Fotos e Google Drive. Inclúense plans de subscrición con beneficios adicionais proporcionados por Google ou a través de terceiros. Google One tamén ofrece plans de subscrición e créditos de IA para ter acceso de pago a determinadas funcións de IA creadas por Google. O uso que fagas dos beneficios adicionais de Google ou de terceiros estará rexido polas condicións de servizo aplicables a cada un deles. É posible que algúns beneficios non estean dispoñibles en todos os países e que estean suxeitos a outras restricións. Dispós de máis información no Centro de Axuda de Google One.
O servizo de Google One está fornecido pola entidade que se define nas Condicións de servizo de Google. Cando compras unha subscrición a Google One ou créditos de IA, asinas un contrato independente co vendedor, que pode ser unha entidade de Google (ver cláusula 2) ou un terceiro. Se tes unha subscrición a Google One a través dun terceiro ou dunha empresa vinculada, pode que estea suxeita a condicións adicionais dese terceiro ou empresa vinculada.
Créditos de IA
Podes usar os créditos de IA para activar e procesar as túas solicitudes dentro das respectivas funcións de IA. O número de créditos necesarios para unha acción concreta (por exemplo, xerar un vídeo) comunicaráseche no produto ou función en cuestión. Google reserva o dereito de modificar o valor en créditos do uso das funcións de IA. Os créditos só poderán utilizarse para acceder a certas funcións de IA que Google pode implementar de cando en vez.
Os créditos poden caducar ao cabo dun prazo de tempo determinado, tal e como se indicará cando os adquiras.
Non terás ningún dereito nin propiedade sobre os créditos de IA, máis alá do que se indique expresamente nestas Condicións. Non podes vender nin transferir os créditos a outros usuarios ou contas, nin tentar levar a cabo esas accións. Ao comprar créditos de IA, estás prepagando o uso de certas funcións de IA designadas. Os créditos de IA non son moedas dixitais, valores, mercadorías nin ningún outro tipo de instrumento financeiro, e non se poden trocar por valor en efectivo. Só poden trocarse polas funcións de IA que se indiquen dentro do ecosistema de Google. Os créditos de IA que non se utilicen poderán perderse se se rescinde ou cancela o plan de Google One, e estarán suxeitos ás políticas de reembolso aplicables.
Consulta máis información sobre os créditos de IA.
2. Compra e pago
As subscricións a Google Onte teñen unha duración indefinida. Cobraránseche ao inicio de cada ciclo de facturación, de acordo cos prazos establecidos (por exemplo, mensual, anual ou outro período), non sendo que as canceles.
Ao adquirir unha subscrición a Google One ou créditos de IA, a compra estará suxeita a condicións independentes do vendedor. Por exemplo, se te subscribes a Google One ou compras créditos de IA desde Google Play Store, aplicaranse á compra as Condicións de servizo de Google Play.
A continuación, detállanse os vendedores de subscricións a Google One ou dos créditos de IA a través de Google Play Store.
- Para os consumidores de Europa, Oriente Medio e África: Google Commerce Limited.
- Para os consumidores da India: Google Ireland Limited.
- Para os consumidores do resto de Asia e o Pacífico: Google Digital Inc.
- Para os consumidores dos Estados Unidos e do resto do mundo: Google LLC.
Se compras unha subscrición a Google One ou créditos de IA a través dun terceiro ou dunha empresa vinculada, será ese terceiro ou empresa vinculada quen che cobre a través da túa forma de pago e quen asuma a responsabilidade de xestionar os problemas co pagamento, incluídas as cancelacións e os reembolsos.
Se o vendedor non che pode cobrar a subscrición a Google One, é posible que non teñas acceso ao servizo ata que actualices a forma de pago co vendedor. Se non actualizas a túa forma de pago nun prazo razoable despois de recibir o aviso, podemos cancelar ou suspender o teu acceso a Google One.
3. Prezo e ofertas
Ofertas. De cando en vez podemos ofrecer probas para unha subscrición a Google One sen custo económico. Se adquires unha subscrición a Google One que inclúa unha proba, disporás de acceso a Google One durante o período de proba correspondente. Cando acabe ese prazo, e na medida na que o permita a lexislación aplicable, cobraráseche automaticamente o prezo da subscrición en cada período de facturación, se proporcionaches unha forma de pago válida ao vendedor, ata que canceles a subscrición. Para evitar calquera cargo, debes cancelar a subscrición co vendedor antes de que remate o período de proba. Tamén podemos ofrecer descontos nas subscricións a Google One a cada canto. Estas ofertas poden estar suxeitas a termos e condicións adicionais, como requisitos de participación, que se poñerán á túa disposición antes do troco ou da compra. As ofertas non son válidas onde a lexislación aplicable as restrinxa ou non as permita.
Cambios no prezo. Podemos modificar os prezos das subscricións a Google One ou dos créditos de IA de cando en vez; por exemplo, debido a necesidades empresariais ou para reflectir a inflación ou os cambios nos impostos aplicables, nas ofertas promocionais ou en Google One. Os cambios nos prezos das subscricións a Google One aplicaranse unha vez finalizado o período de pago vixente, cando debas realizar o seguinte pago tras o aviso. Enviarémosche un preaviso para informarte do aumento de prezo, como mínimo, 30 días antes de que se che pase o cobro. Se o recibes con menos de 30 días de antelación, o cambio de prezo non se aplicará ata o pago seguinte. Se non queres seguir pagando a subscrición a Google One co novo prezo, podes cancelala tal e como se describe na cláusula sobre cancelacións destas Condicións. En tal caso, deixaremos de cobrarche a subscrición sempre que nos envíes unha notificación antes do final do período de facturación en curso. No caso de que aumente o prezo e se requira o teu consentimento, cancelarase a túa subscrición se non aceptas o novo prezo.
4. Cancelacións e reembolsos
Cancelación e desistencia. Se cancelas a subscrición, manterás o acceso a Google One ata que remate o período de facturación en curso, non sendo que teñas dereito a cancelala con efecto inmediato ou dispoñas doutros dereitos de cancelación ou desistencia, tal como se describe con máis detalle no Centro de Axuda. Se tes dereito de desistencia e queres exercelo, debes comunicarlle a túa decisión mediante unha declaración inequívoca ao vendedor ao que lle fixeses a compra. Se pides que se inicie a prestación dos servizos durante o período de desistencia, pódeseche solicitar que pagues unha cantidade proporcional aos servizos ofrecidos ata o momento en que lle comunicases ao vendedor a desistencia do contrato.
Se decides suprimir Google One a través da eliminación de servizo, aceptas que podes perder inmediatamente o acceso aos servizos que ofrece a subscrición. Se prefires manter os servizos de Google One durante o tempo restante do período de facturación, cancela a subscrición en vez de eliminar Google One.
Reembolsos. Se compraches unha subscrición a Google One ou créditos de IA, aplicarase a política de reembolso. Deberás poñerte en contacto co vendedor ao que lle fixeses a compra para solicitar o reembolso. É posible que teñas dereitos dos consumidores segundo a lexislación aplicable que non se poden limitar por contrato. Estas Condicións non restrinxen eses dereitos.
5. Atención ao cliente
Google One pode incluír o acceso ao servizo de atención ao cliente en determinados servizos de Google. No caso de que o equipo de atención ao cliente non che poida axudar a resolver o problema, podemos remitirte ao do servizo de Google correspondente. Se se suspende ou cancela a túa subscrición a Google One, tamén se suspenderán todas as cuestións pendentes de resolución que lle formulases ao servizo de atención ao cliente. Neses casos, é posible que teñas que enviar unha nova consulta cando recuperes a subscrición. Visita o noso Centro de axuda para obter máis información sobre a atención ao cliente.
6. Uso compartido coa familia
A túa subscrición a Google One pode permitirche compartir determinados beneficios co teu grupo familiar ("Uso compartido coa familia"). Se non desexas compartir ningún beneficio co teu grupo familiar, debes desactivar o uso compartido coa familia para Google One ou abandonar o teu grupo familiar. Só as persoas que xestionan os plans de Google One poden engadir membros da familia a unha subscrición a Google One, así como activar ou desactivar o uso compartido coa familia. Vai ao Centro de axuda para obter máis información sobre o uso compartido coa familia.
Se formas parte dun grupo familiar de Google One, os seus membros poderán ver certa información sobre ti. Por exemplo, se te unes a un grupo familiar que teña activado en Google One o uso compartido coa familia, o resto dos membros e os invitados do grupo poderán ver o teu nome, foto, enderezo de correo electrónico, os dispositivos dos que fixeses copia de seguranza, os créditos de IA consumidos e a cantidade de espazo de almacenamento que utilizas. Os membros de grupos familiares tamén poden ver se algún deles trocou algún beneficio adicional incluído na subscrición a Google One.
Se es quen xestiona o plan de Google One do teu grupo familiar e desactivas o uso compartido coa familia ou saes do grupo, o resto dos membros non poderá acceder a Google One. No caso de que a persoa que xestiona o plan de Google One che permitise acceder ao servizo a través do uso compartido coa familia, podes perder o acceso se saes do grupo familiar, se o fai a persoa xestora do plan ou se desactiva o uso compartido coa familia.
7. Copia de seguranza e restauración para dispositivos móbiles
Google One pode incluír funcións melloradas de copia de seguranza e restauración de datos ("Copia de seguranza e restauración") para os dispositivos móbiles que cumpran os requisitos. Para usar a función de copia de seguranza e restauración, é posible que sexa preciso instalar e activar aplicacións adicionais, como Google Fotos. Podes cambiar en calquera momento as opcións da función de copia de seguranza e restauración na aplicación Google One. Se se suspende ou cancela a túa subscrición a Google One, podes perder o acceso aos datos gardados na función de copia de seguranza e restauración despois dun prazo de tempo determinado, conforme as políticas de copia de seguranza de Android.